Thursday 02 de May de 2024

Entra en funcionamento a demandada depuradora de Xaviña


· Hoxe tivo lugar a recepción da obra, que supuxo un investimento de 65.219,71 euros a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

· Os veciños e veciñas da parroquia xa poden solicitar os enganches á rede de sumidoiros.

O Concello de Camariñas rematou a construción da demandada depuradora de Xaviña, unha obra financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña que contou cun orzamento total de 65.219,71 euros e que permitirá prestar un servizo básico para a cidadanía.

Hoxe a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, realizaron a recepción desta nova infraestrutura, que xa está lista para entrar en funcionamento.

Desde hoxe os veciños e veciñas desta parroquia xa poden solicitar os enganches á rede de sumidoiros. No Sixto xa pode facerse de forma directa e, en función das solicitudes que se reciban, irase despregando pouco a pouco a rede.